|
ARICA FERREIRO, EMIGRANTE DO PERU |
|
|
|
|
Por Luis Toxo, en Xornal de Galicia.
Arica Ferreiro, de 35 anos de idade é unha mestiza neta dun galego emigrante que se estableceu no Perú. O Sr. Ferreiro, avó de Arica, rexentaba un pequeno restaurante na Cidade de Arequipa no que ofrecía comidas típicas daquela terra, viños do pais e como sobremesa filloas e orellas galegas. Tanto e tantas cousas lle contou e falou a Arica o seu avó sobre Galicia, que ela chegou a coñecer de memoria o Concello de Teo, as costumes desta Terra, a fartura da nosa gastronomía, e ata a marabilla de Compostela unha cidade chea de casas de pedra, pazos e prazas inmensas, e ca catedral mais grande do mundo despois da de Roma. Arica sempre deveceu por coñecer a terra do seu avó.
“A Cidade de Santiago é Patrimonio da Humanidade igual ca miña Arequipa”, dicíame na entrevista chea de orgullo. Tivo dous fillos, un antes de cumprir os dezasete , e os vinte anos o segundo. Enviuvou os vinteún e decidiu vir a Galicia a traballar para enviarlle algúns recursos económicos a súa nai e os pequenos. A primeira casa na que como empregada domestica traballou foi a da Sra. Remedios que tiña catro fillos, un marido avogado algo parvo e rico, e unha casa de oito habitacións no casco Histórico da Capital.. Traballaba desde as sete da mañá ata a noitiña incluídos os sábados. Os domingos tiña permiso despois de ir a misa, para dar un paseo cos rapaces ata a catedral ou dar unha volta pola Ferradura. Despois axudaba na cociña onde preparaba de cando en vez para ela ceviche, un prato típico do Perú composto de pescado cru en anacos e cocido en frío con xugo de limón, o que lle engadía cebola, pemento e outros ingredientes. Comendo o ceviche nun recuncho da cociña era cando sentía morriña de Arequipa e cóntame que se a pillaba a cociñeira chorando botáballe sempre a culpa cebola do prato. Despedírona os tres meses sen mais da casa, porque só pola comida e a cama non podía valerlles os seus pequenos, e a petición feita por ela duns euros o mes meteulles arrepío os patróns. Despois traballou nun bar da Rúa do Franco. Non saíu da cociña en dous anos. Enfermou dos bronquios e o curar dixéronlle que non a precisaban mais. Arica vive e traballa agora na casa da Sra. Esperanza, unha boa persoa que lle buscou miña amiga Victoria; Neste domicilio está empadroada desde fai mais dun ano. Esperanza viúva tamén como ela, vivía soia, ten setenta anos e lle paga o equivalente o que en Perú gañan case tres homes traballando arreo, uns 300 euros o mes. E mais; douna de alta na seguridade social para que teña dereito a unha paga cando sexa maior segundo lle explicou. A Señora Esperanza ten tres fillos que fixeron carreiras e que están moi ben situados, teñen moito traballo e segundo di ela mesma con retranca : “Tamén teñen moi pouco tempo para vir visitar a súa nai”.... Agora Arica e feliz; prepara para as dúas ceviche e queques de cenoria, tamén fai cocidos e caldo galego, e nas festas orellas e chulas. Envíalle tódolos meses os seus fillos os trescentos euros porque agora di que lle sobran cartos... e ata pode falar cos pequenos unha vez a sema por teléfono. Explícame que sal a pasear ca Sra. Esperanza tódolos días, toman un té ou unha manzanilla xuntas, e cóntanse historias de quechuas e mais de galegos moi divertidas. Arica faille compañía a Señora; a atende co mesmo agarimo que se fora a súa propia nai, e dona Esperanza agradécello sorrindo e dándolle algún que outro bico como se fora unha filla. Arica me pediu que escribira a súa sinxela historia de emigrante ca levou a coñecer esta marabillosa terra galega e as boas xentes das que lle falaba o seu avó. “Galicia non me ten defraudado en nada”, di ela con ledicia. Eu creo que Arica e unha desas mulleres emigrantes tan necesarias que ademais son boas e xenerosas.
|