Por Luis Toxo, publicado no Xornal de Galicia. Fai unha semana acompañei a Crisanto ao servicio de psiquiatría; tiña solicitada esa consulta desde o verán e foille concedida gracias aos meus bos oficios, en pleno inverno. É dicir, só seis meses despois. Agradeceume o detalle e murmurou: “xa dicía eu que en Galicia é máis importante ter amigos que leis e normas”.
Nese tempo Crisanto pasou de ter unha tristeza existencial a ter unha seria depresión endóxena. Estas son unhas depresións que ao parecer non se deben a causas ou circunstancias externas senón a problemas máis fondos, e como as mesmas son de difícil curación chegamos ao convencemento de que non tendo consulta xa a Bruxa das Baiñas (por falecemento da mesma), non quedaba outro remedio que acompañalo para que o vira outro bo profesional. Crisanto foi sempre moi progresista, e como consecuencia moi esixente e crítico coas xestións da esquerda. Do anterior goberno de coalición PSOE-Bloque non lle gustou que non se construíran mais autovías; o concurso eólico, a liorta dos Audis de Touriño, e poñerse a mal de cando en vez entre os socios nas relacións do Goberno. Agora na súa enfermidade, coincidente coa chegada ao executivo dos conservadores, sostén que está sen forzas, esgotado e deprimido. Di que só pensa en suicidarse. O médico de cabeceira propúxolle fai uns meses que esa era unha medida de forza maior que debía de reservar ata un Goberno próximo de coalición. O doutor ocultoulle de xeito intencionado que segundo os cálculos máis optimistas esta situación é difícil se produza antes do Xacobeo do 2021. “De convencelo, gañamos tempo nos casos difíciles como este, o cal é sempre un éxito” díxonos o facultativo do ambulatorio poñendo cara de malicia e con moito aquel. Crisanto ao ser interrogado no servicio de psiquiatría sobre as posibles razóns que desencadearon a súa depresión gardou silencio en actitude pensativa e digna. Pareceunos talmente que se estaba a psicanalizar... Segundo nos explicou posteriormente nun aparte o médico especialista, a súa enfermidade puidera deberse a dúas causas: a primeira unha reacción interna de culpabilidade orixinada por non ir votar cando as eleccións, ou tamén puidera ter que ver cunha relación de amor/odio reverencial que senten algúns polos gobernantes habituais da nosa terra. Gustaríalle, segundo o psiquiatra, ser de dereitas e ao mesmo tempo ser un revolucionario e líder dos oprimidos, acorde con quen goberne en cada caso. Esa reacción imposible xera moitas patoloxías, o diagnóstico neste caso sería, “depresión por reacción ambivalente de comenencia”, manifestounos profesionalmente o facultativo que dixo ademais: “é unha epidemia nos tempos que corren”. O caso é que o psiquiatra lle receitou moito descanso, unhas pastillas verdes e máis recomendoulle esquecerse da política por unha tempada. Crisanto está agora peor que nunca. Se non traballa, como é autónomo o negocio vense abaixo, as pastillas segundo el téñeno durmindo e parvo todo o día, e, á imposibilidade de facer crítica política que era a única razón da súa auto estima rematouno de todo. Onte díxonos que xa está convencido da orixe do seu mal: “enfermei por culpa dos políticos”... e será certo?
|